Tipos de Mel

Aunque o Mel de Galicia é unha denominación única, no seu seo atopamos diferentes sabores, texturas e padais, dependendo das flores que lle dean a súa orixe. Unha gran maioría do mel galego é de milflores. Na súa elaboración non predomina unha orixe concreta e procede das diversas flores dos arredores da colmea. Pero, ademais, en Galicia prodúcense algúns saborosos tipos de mel monofloral.

MILFLORES

As abellas liban o néctar dun amplo abano de especies para produciren un mel con identidade propia. Entre estas flores cóntanse aquelas que teñen capacidade para a produción de meles monoflorais, ás que se lle suman outras moitas que melloran e arredondan o produto. Por iso mesmo, non todo o mel de milflores ten a mesma textura ou o mesmo padal. O mel das zonas costeiras procede da flor do eucalipto e doutras especies coma o salgueiro, ou plantas da familia das boraxináceas, das compostas (dente de león, leitaruga, cardos...), das crucíferas, das leguminosas e das rosáceas. Nas zonas do interior, ademais do castiñeiro, a silva e as queirogas, plantas leguminosas e campanuláceas e, en menor medida, labiadas e crucíferas, condicionan a produción dun mel netamente diferente ó da franxa costeira.

milflores

EUCALIPTO

O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega. O mel de eucalipto é de cor ámbar, sabor suave e recendos céreos. A zona de produción deste mel esténdese sobre todo nas Rías Baixas, na comarca da Coruña, en Ferrolterra e na Mariña luguesa.

eucalipto

CASTIÑEIRO

Nas comarcas galegas do interior a especie arbórea de maior interese para a elaboración do mel é o castiñeiro. Este mel é escuro, de sabor intenso e fortes recendos á flor. Prodúcese principalmente nos soutos de Lugo e Ourense (destacan as comarcas da Fonsagrada, A Ulloa, os Ancares, o Courel, as Serras de Manzaneda, San Mamede, e Invernadoiro, o Val do Sil, o Bolo, Valdeorras e a raia ourensá). Ademais, na provincia de Pontevedra a principal zona de produción é o Deza e a Terra de Montes. Na provincia da Coruña a zona norte e as comarcas que extreman coa provincia de Lugo son as máis axeitadas para a produción deste mel.

castiñeiro

QUEIROGA

Unha gran parte do territorio galego está cuberto de mato. A queiroga é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral. Elaborado nas zonas de montaña, o mel de queiroga caracterízase pola súa coloración escura con tons vermellos e o seu sabor duradeiro e lixeiramente amargo. Entre as zonas de maior produción deste tipo de mel destacan A Fonsagrada e O Courel (Lugo), a serra da Capelada e a comarca das Pontes, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.

queirogas

SILVA

A abondosa aparición de matogueira mixta de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presencia as silvas, permite a produción de meles monoflorais. O mel de silva adquire en Galicia cores escuras, sabores fortes e doces, e arrecendos frutais. As principais zonas de produción son o sur da provincia de Lugo (comarcas de Lemos e Sarria), o centro-sur da provincia de Ourense e ocasionalmente algúns lugares da provincia da Coruña.

rubus

 

 

Consello Regulador Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia". Pazo de Quián, s/n. Sergude. 15881 Boqueixón. A Coruña. Tel/Fax. 981511913 / info@mieldegalicia.org

Logo_MAGRAMALogo_FEADERLogo_XuntadeGalicia