Noso Mel     Tipos de Mel     Beneficios

Beneficios

O mel é un produto moi nutritivo e con importantes características terapéuticas. Achega ao organismo azucres simples de fácil asimilación, proteínas cunha boa parte de aminoácidos esenciais, oligoelementos (como o fósforo, o sodio, o potasio ou o ferro) e vitaminas. A súa capacidade enerxética é ben coñecida. O mel é un alimento completo que proporciona unha resistencia maior en casos de cansazo, e desde o punto de vista terapéutico mellora as afeccións respiratorias, dixestivas, vías urinarias… Presenta propiedades antisépticas e sedativas que melloran e cicatrizan as feridas e a rexeneración da pel, polo que é común o seu uso como cosméticos.

Entre as conclusións do estudo “Posta en valor do mel: etiquetaxe nutricional”, financiado pola Consellería do Medio Rural, Ministerio de Medio, Medio Rural e Mariño e Feader, podemos dicir que o Mel de Galicia destaca por posuír un contido mineral e unha riqueza en vitamina C claramente superior aos valores de referencia e un contido antioxidante a destacar.

Programa de control

O 27 de novembro de 2015 en reunión da comisión de acreditación ENAC concede a acreditación á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia como entidade de certificación de produto con n.º 140/ C- PR280. Este certificado garante que todo o proceso de extracción, almacenamento e envasado cumpren os altos requisitos de calidade que este certificado esixe, pero ademais dun modo independente e obxectivo.

Con esta acreditación recoñécese, tras anos de traballo, a competencia técnica do Consello Regulador da IXP para certificar o Mel de Galicia segundo a norma UNE- EN ISO/ IEC 17065.

Para garantir a calidade do mel o Consello Regulador controla todo o proceso desde a colmea ata o punto de venda levando a cabo inspecciones periódicas nas explotacións apícolas, nas plantas de envasado así como en puntos de venda velando deste xeito polo cumprimento das esixencias do Prego de Condicións.